Tipos de castaña
Bolerca: a que abortou dentro do ourizo, que non medrou.
Brava: a do castiñeiro bravo,sen inxertar.
Bullada: a que xa pasou pola bulla.
Bullote: castaña asada no tixolo ou cacho.
Burgazo: castaña fresca cocida que se come con leite.
Crouco: a que é pequena.
Degaro: a castaña degraída. Tamén se chaman restrelos.
Degraída: cae do ourizo ó chan xa madura. Degaros.
Enxeridas: formadas por varias pezas.
Maia: a pilonga ou seca, e afumada.
Mamota: cocida coas dúas cascas, zoncho; é a castaña mal asada que non pela ben.
Pilonga: castaña seca.
Zoncho: a mamota. Os cativos enfíanas nun cordel a xeito de rosario para ilas comendo.
No Courel
Abarqueira: a castaña baleira.
Bravas: hai anos que se dan e outros que non saen.
Picois: as que se desprecian cando se escollen ou que parten ó debullalas para quitárlle-las tonas durante o bandoxo.
Presa: froito dun castiñeiro bo para madeira e que rende moita cantidade de castañas. Dise que estas castañas non son as máis saborosas.
Raigonas: son as segundas en caer da árbore; as mellores para comer e as que mellor pelan.
Velliñas: é moi escura e debúllase mal.
Vérdeas: as máis saborosas e as que máis abundan, xunto coas presas.
Outras clases de castaña
Pagiana, Vilande, Buxeira, Agrelo, Loura, Garrida, Longal, Papada, Cabezuda, Toubesa, Bravoleirado, Bicuda, Ousende, Oucieira.
- Loguéarte ou rexístrate para enviar comentarios
