Refraneiro da castaña
Revisando a bibliografía etnográfica topamos que o cantigueiro popular galego, de Marcial Valladares, adícalle varias cantigas:
Miña nai, doime a barriga.
Miña filla, confesión.
As castañas que comiche
¿de qué castiñeiro son?
A castaña no ourizo
quixo rir e reventou:
caendo castiro abaixo,
mira que golpe levou!
Castañas asadas
e viño con mel;
e a miña señora
detrás do tonel.
As castañas ben se comen,
o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando:
a honra vaise perdendo...
Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero,
que me cheiran ao chamosco.
(Popular)
Anos despois, nos artigos de 'Arquivo filolóxico e etnográfico de Galizia', publicados na revista Nós en novembro de 1920, tópanse adiviñas recopiladas por Risco:
Alto me vexo
no meu lugarexo.
Por unha risada,
perdín miña añada.
(O ourizo no castiñeiro, que cando regaña parece que ri e perde as castañas que leva)
Altos padres
capeludas madres
e oos fillos incha-foles,
adivina tú, si podes.
(Os fillos hinchafoles son as castañas que fan hincha-lo bandullo)
Alto me miro
color d´ouro teño
por unha risada
perdín canto teño.
(O ourizo que regañou)
Al pempín,
ruin cabaleiro,
pégalle a risa
e solta o diñeiro.
O Refraneiro Galego Básico de X. Ferro Ruibal amósanos algúns refráns da castaña:
- A castaña no agosto quere arder; e no setembro, beber.
- Castañas no Nadal saben ben e pártense mal.
- Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai ruin viño.
- Temperá é a castaña que por setembro regaña.
- Polo San Martiño, castañas e viño.
- Loguéarte ou rexístrate para enviar comentarios
