Presentación de Lampreas e pesqueiras de Miguel Piñeiro
O libro Lampreas e Pesqueiras de Miguel Piñeiro foi presentado no Salón Camilo José Cela do Chef Rivera en Padrón diante dun cento de persoas.
Como preámbulo introdutorio, proxectouse un vídeo dedicado ás pesqueiras, ás artes de pesca e á cultura lampreeira.
Xa na quenda de intervencións, tomou a palabra o Director de Galaxia, Víctor Freixanes quen subliñou a experiencia xornalística e investigadora do autor neste campo.
Posteriormente o restaurador Chef Rivera fixo un canto ás excelencias gastronómicas deste singular peixe.
Pola súa parte, o escritor e xornalista madrileño Joaquín España centrouse na especial amizade que mantén desde hai máis de vinte anos con Piñeiro e deu un repaso polas súas vivencias nesta terra á que está tan vinculado.
O catedrático e compañeiro de pesca do autor, Juan José Moralejo, destacou a excelencia técnica e informativa do texto e a beleza e calidade do material gráfico e fotográfico, ademais de incidir na falla de saúde que teñen os ríos galegos.
O prestixioso arquitecto César Portela, amigo persoal da familia Piñeiro, destacou o abandono no que están sumidas estas construcións hidráulicas e reparou na fonda amizade que mantivo co pai do autor.
Miguel Piñeiro, como continuación de Portela, fixo unha acendida alegación en defensa das Pesqueiras do Ulla para concluír entregando uns sorprendentes agasallos en proba de agradecemento: a César Portela un debuxo do seu pai Agustín do ano 1950, a Chef Rivera unha tarxeta manuscrita do Nobel padronés Camilo José Cela do ano 1983 e a Víctor Freixanes como Presidente da Fundación Otero Pedrayo, unha carta do Patriarca das Letras Galegas do ano 1964. A Moralejo e a España, apalabroulle un salmón en Ximonde para 2009.
- Loguéarte ou rexístrate para enviar comentarios
