Fillos da lubre na tixola
Somos o que comemos e así nos psicanaliza a nosa dieta: durante séculos esquecémonos destas lambetadas da fraga por ignorancia, medo ó descoñecido e superstición. Os alcumes galegos dos cogomelos, o antigo "pan de sapo, de cóbrega, do demo, de raposo, de curuxa, de meiga", "peido de lobo", demostran unha fungofobia carente de sentido en termos gastronómicos, pero é unha crenza con raigame na nosa cultura derivada dun imperativo relixioso, que non por mor do risco dunha intoxicación mortal con algunha especie. A explicación, quizais estea no feito (relixioso) de que no século IV os discípulos de Prisciliano, relixiosamente incorrecto naqueles tempos, adoitaban consumir cogomelos con propiedades alucinóxenas que ben puideran ser o Psilocybe semilanceata, contén psilocybina, un forte alucinóxeno, unha Amanita ou o cornello do centeo, que leva ácido lisérxico. Para endereitar a fe dos nosos devanceiros a Igrexa dictou o "De Correctione Rusticorum", pero as meigas seguían a medrar como fungos, fillos da lubre que elas consumían nas esmorgas (ritos pagáns), na fariña do pan e incluso ó través das mucosas do corpo, para bailar co demo en forma de castrón. Os nosos menciñeiros castrexos, ó igual cos seus parentes os druídas celtas, consumían cogomelos e coñecían as súas propiedades medicinais; anos despois, algún etnógrafo tentou demostrar que o culto ó consumo da Amanita muscaria baseábase na crenza de que abría as portas do paraíso (¿walhala céltico?). A maioría dos nosos emigrantes aprenderon a consumilos no país de adopción, pero algúns seguían a consideralos como unha herexía culinaria e poucos se atrevían a consumilos cando volvían. Será cousa de meigas, pero hoxe cultívanse aquí, recóllense no monte e cocíñanse a cotío nas nosas tixolas, e ¡arre demo!, que pasamos de odialas a case extinguilas ó incorporarse á nosa cociña, festa gastronómica incluída.
Hai anos, cando o consumo de cogomelos en Galiza era cousa dalgún atrevido e aínda non se nos ocorrera cultivalas cara á exportación, os xaponeses inoculaban en troncos de carballo podres o micelio dos shiitake (cogomelo do carballo). Cando xa non foi rendible cultivalos aquí, porque atopouse un sistema para o cultivo en invernadoiro, volveron ó Xapón deixando nas nosas fragas a semente dese delicioso cogomelo que hoxe podemos atopar pola zona de Mondoñedo, a nosa Britonia. Se tódolos intentos de globalización alimentaria fosen deste xeito… ¿Que diría Álvaro Cunqueiro?
As Letras Galegas, gastronómicas ou non, danlle pouco protagonismo ós cogomelos sen chegar á "cogumelofobia". Picadillo, M. Puga y Parga, nin as nomea. Emilia Pardo Bazán non se esforza moito con elas en "La cocina española moderna y antigua", pero escribe "Las setas", conto no que comenta unha receita (fritidas con touciño) e reflicte o espasmo que sufre unha das protagonistas do relato cando lle dan uns cogomelos á cociñeira galega: "¡Madre mía del Corpiño! ¡Freir ella una porquería semejante, una cosa de veneno, habiendo en el mar tanto rico pescado, y en la tierra tan sabrosos huevos y tan buenas gallinas!". Wenceslao Fernández Flórez dálles vida ós cogomelos da fraga de Cecebre en "El bosque animado". Álvaro Cunqueiro é o máis científico, ecoloxista micólogo e chapante entusiasta dos nosos cogomelos. En varias das súas obras e artigos xornalísticos, coma "Escola de menciñeiros" ou "Viaje por los montes y chimeneas de Galicia", relata e describe dun xeito case místico, poético, cun arrecendo a relato fantástico, varias especies e algunha receita. É unha mágoa que a Julio Camba non lle dera pola teima, escribiría artigos prodixiosos destes fillos da lubre.
Noutro texto non galego, no "Dioscórides renovado" de P. Font Quer, o autor di que "la campesina gente gallega es, por sistema, enemiga de las setas", laiándose de seguido polo desperdicio que supón deixalas perder "porque en Galicia se producen setas en tal cantidad, a veces, que pudieran ser cargados, sin hipérbole, auténticos carros". E remontándonos séculos atrás, Santo Agostiño, no seu "De Moribus Manicheorum", arremete contra o consumo dos cogomelos chamándolle insensato ó home que enche o bandullo ata estoupar e anda arroutando por unha fartura de andoas, trufas…
- Loguéarte ou rexístrate para enviar comentarios
